O próximo martes 4 de novembro ás 18:00 h, terá lugar a primeira presentación de Raíces Sonoras na Casa da Cultura de Verín, un proxecto audiovisual que percorre os dez concellos da comarca de Monterrei e da comarca de Conso-Frieiras para retratar a música que se crea hoxe no territorio e ás persoas que lle dan forma.
A iniciativa, promovida polo GDR Monteval, producida por CRU Producións Sociedade Coop. Galega e dirixida por Iris Justo Rodríguez, recolle actuacións en directo e conversas coas e cos artistas participantes, que comparten a súa relación coa música, co territorio e coas súas propias historias creativas.
O proxecto afástase dunha visión puramente nostálxica: en lugar de mirar só ao pasado, pon o foco nas propostas vivas e diversas que están a construír o presente musical da comarca. Raíces Sonoras quere mostrar como tradición e renovación conviven hoxe, arredor dun territorio que segue a inspirar novas linguaxes e maneiras de facer.
En cada concello, o proxecto achegouse a artistas con estilos e traxectorias moi diferentes: en Castrelo do Val, participa Fran Guede, xunto con Álvaro e Dani; en Laza, a música chega da man de Silveiras; en Cualedro, escoitamos a Varios Santos; e en A Mezquita, a voz é a de Mark dos Santos. O percorrido continúa por Vilardevós con Baba Sall; en A Gudiña con Maldizer; por Oímbra, con Diego London; e por Riós, con Pirata Sen Parche. En Monterrei colaborou O Trebón de Mildeu e en Verín, o ciclo pecha con Pappagaquino.
As gravacións tiveron lugar en espazos cotiáns do territorio —aldeas, prazas, viñedos, ríos ou capelas— facendo que o propio entorno participe e dialogue coa música. Non só como escenario, senón como parte esencial do relato.
A presentación deste martes será a primeira ocasión para ver o resultado final antes da súa difusión en canles dixitais.
Raíces Sonoras quere funcionar como un arquivo vivo da música actual da comarca: un retrato onde conviven tradición, experimentación e novas voces que nacen da relación directa co lugar onde viven, traballan e crean.


