
Integración das TIC´S no medio rural para fomentar a inclusión social e previr a soidade non desexada na terceira idade (A Mezquita)
Proxectos Non Produtivos – Entidades Privadas
A posta en marcha de programas que promovan a alfabetización dixital, a inclusión social e a prevención da soidade non desexada require espazos equipados e accesibles, onde poidan levarse a cabo actividades formativas, obradoiros e sesións de acompañamento tecnolóxico. Baixo este proxecto preténdese adquirir 12 equipos informáticos completamente dotados, que permitan a creación ou reforzo destes espazos tecnolóxicos comunitarios. Estes equipos serán instalados no Edificio Multiusos, sede da entidade Os Tres Reinos, un espazo de referencia no territorio que está aberto á participación da totalidade da poboación. Este edificio conta ademais con condicións óptimas de accesibilidade, ao non presentar barreiras arquitectónicas, sendo apto para persoas con mobilidade reducida, o que garante a igualdade de oportunidades no acceso aos recursos. A dispoñibilidade destes equipos permitirá desenvolver accións continuadas no tempo, facilitando o acceso a servizos dixitais, a comunicación interpersoal (videoconferencias, redes sociais, mensaxería), así como a participación en actividades culturais, educativas ou recreativas en liña. A súa dotación completa (pantallas, periféricos, conectividade, software accesible, etc.) asegurará unha experiencia de uso intuitiva, adaptada ás necesidades específicas da terceira idade, reducindo así a fenda dixital e o illamento social. O obxectivo xeral deste proxecto é fomentar a inclusión social e dixital das persoas maiores do medio rural mediante a integración das TIC, coa finalidade de reducir a fenda dixital e previr a soidade non desexada, a través da creación dun espazo accesible, tecnoloxicamente equipado e aberto á participación comunitaria. Entre os obxectivos específicos encóntranse dotar ao Edificio Multiusos da sede de Os Tres Reinos con 12 equipos informáticos completamente equipados, accesibles para a totalidade da poboación, incluídas as persoas con mobilidade reducida ou formar ás persoas maiores do medio rural no uso básico das TIC, mediante obradoiros e acompañamento individualizado.
- Expediente: 7119-09-0002
- Promotor: Asociación Cultural Os Tres Reinos
- Concello e Lugar: O Castro (A Mezquita)
- Puntuación: 60
- Orzamento aceptado: 6.628,48 €
- Porcentaxe axuda: 90 %
- Contía axuda: 5.965,63 €




